xoves, 18 de abril de 2024

Erasmus 24 (4)

No cuarto día da Nosa mobilidade Erasmus+, o alumnado da delegación de Taranto asistiu á clase de economía mentres que os de Opava estiveron na aula de Polos Creativos. Despois, subiron ao bus o alumnado de 4°ESO, 1° Bacharelato e Ciclo Superior para ir a Boente, onde comezamos a camiñata do Camiño de Santiago cara a Ribadiso. Durante o camiño, o alumnado de Ciclo Superior explicou os trazos naturais da zona, e aprendemos sobre as árbores do percorrido e a historia local. A seguir da camiñata tivemos o evento de despedida da delegación de Opava pois marchaban xa ao día seguinte. Foi un momento moi emotivo en que vimos un fermoso vídeo elaborado por Nerea de 4ESO onde se mostraron os mellores momentos destes últimos días. Houbo tamén momento para a entrega de diplomas, agasallos e intercambio de palabras de agradecemento e despedida por parte da nosa directora, Araceli Carballeira, a equipa Erasmus e Kamil Praček, profesor acompañante de Opava, entre outros. Pola tarde, o alumnado da delegación de Taranto, coa orientación excelente de Hugo Mera, alumno de 2° Bacharelato, probou os lentes de VR e avistou os distintos sitios e monumentos de Galiza na aplicación Galiverso e programou con Mblock os Mbot Rangers. Foi un día cansativo mais moi produtivo para o proxecto e para o centro!

Erasmua 24 (4)

Erasmus 24 (3)

O mércores 10 comezou ben cedo. Ás 7.30 collemos un bus rumbo a Portonovo. Logo de almorzar no porto collemos un barco cara a nosa primeira visita: a illa de Sálvora. Nesta marabilla natural pertencente ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, faláronnos da fauna, da flora e da historia específica deste espazo protexido. Un exemplo da súa intrahistoria é o naufraxio do Santa Isabel (tamén denominado “Titanic galego”) e como as mulleres da antiga aldea da illa axudaron a salvar máis de 50 pasaxeiros dos 250. Unha vez rematada a visita a Sálvora dirixímonos á illa de Ons.Aquí degustamos un xantar tipicamente galego en Casa Acuña. As guías contáronnos que esta era a única illa das tres que está habitada. Tamén nos falaron das dificultades de moitos rapaces para estudar xa que tiñan que ir a Ribeira á escola. Ao volver co barco a Portonovo os estudantes do IES e os seus correspondentes de Taranto e Opava tiveron tempo libre para percorrer a vila mariñeira. Foi unha intensa e interesante xornada ao aire libre e en contacto coa natueza galega!!

Erasmus 24-3

Erasmus 24 (2)

No seu segundo día da nosa mobilidade de acollida Erasmus+, o alumnado de Chequia e Italia comezou o día asistindo ás clases das materias de lingua inglesa, matemáticas, debuxo técnico e economía. Despois do recreo, reunímonos para encamiñarnos ata a finca Voz Natura (@voznatura ), do IES de Arzúa (situada en O Viso), onde puidemos experimentar o proceso de plantación de árbores e entre todas e todos plantamos un pequeno bosque Erasmus integrado só por especies autóctonas. Grazas ás explicacións do profesorado de agraria, Teresa, Julia e Alfonso, aprendemos a importancia de preservar o bosque autóctono para protexer o noso patrimonio natural e fomentar a biodiversidade e a defensa natural contra o lume e as especies invasoras. Logo dunha pausa para comer e descansar, collemos un bus cara a Compostela, onde asistimos a unha visita guiada polos tellados da catedral e visitamos o Pórtico da Gloria e o interior do templo onde algún alumno de 4º ESO e o profesor de historia, Afonso Pena, nos deron unha pequena explicación sobre a importancia do lugar. Tivemos tempo libre para poder ver a zona vella antes de voltar en bus para Arzúa. Segundo día completado! Mañá espéranos un día igualmente intenso!

Copia de Erasmus 24-2

Erasmus 24 (1)

O luns 8 botou a andar oficialmente o programa de acollida de alumnado de dúas escolas, unha do Liceo Galileo Ferraris de Taranto (Italia) e a outra do Slezské Gymnázium de Opava (Chequia), no marco do noso proxecto Erasmus+ ‘Camiños de Europa’. A experiencia comezou xa en días previos, concretamente o sábado 6, cando o noso alumnado de 4ESO e 1BAC e as súas familias recibiron no aeroporto as súas respectivas delegacións. Nas primeiras horas do luns 9, démoslles a benvida cunha gran sorpresa con música tradicional de Galiza. Despois fixemos un tour polo noso instituto e fixemos dinámicas de presentación nalgunhas clases. A continuación, o alumnado estranxeiro aprendeu algún dato de interese sobre Galiza e España a través dun Kahoot, e posteriormente desfrutamos dun almorzo de benvida, onde as familias achegaron deliciosos doces caseiros para degustación de todos e todas. Posteriormente, fomos recibidos no Concello polo alcalde e finalmente paseamos pola feira de Arzúa onde puidemos ver produtos típicos como o queixo, o polbo ou os churros. Pola tarde, visitamos a cidade da Coruña onde accedimos á Torre de Hércules e demos un paseo polo centro. Como vedes, un comezo intenso para unha semana chea de actividades Erasmus!

Erasmus 24-1

mércores, 20 de decembro de 2023

Job Shadowing en Azores

O segundo e último día do seu job shadowing, o profesor Xurxo Feijoo tivo a ocasión de visitar unha mostra sobre o 50 aniversario do 25 de abril no vestíbulo da ES Jerónimo Emiliano de Andrade. O obxectivo da exposición é concienciar a rapazada sobre as importantes mudanzas que trouxo a instauración da democracia para a República portuguesa. A mediodía, Xurxo Feijoo puido visitar brevemente a escola secundaria Vitorino Nemésio e conversar coa súa vicedirectora acerca de posibilidades de colaboración futuras. Esperamos poder voltar de novo con mobilidades á illa Terceira para seguir incidindo na mellora cultural, ambiental e lingüística do noso alumnado.

Job shadowing Xurxo azores

Mobilidade de FP Duale en Azores

Vendo que chega o final da nosa estadía na Illa, decidimos aproveitar este último día con intensidade. Comezamos a mañá coa visita á Reserva Florestal de Recreio das Furnas. Quedamos marabillados coa soltura dos alumnos do IES de Arzúa, Antón e Laura, guiándonos polo viveiro de produción de planta endémica e de madeira, así como polo posto acuícola de cría de troita arcoiris. Tamén nos acompañaron os responsables da súa formación durante a FCT na Illa de São Miguel, Carina Nobrega, Lourdes Peñil, Adriano Pizarro e outros traballadores do servizo florestal, que recalcaron a calidade técnica destes alumnos e manifestaron o seu interese en continuar colaborando coa nosa escola. A continuación, no Centro de Monitorização e Investigação das Furnas, coñecemos a orixe volcánica dos Açores. A seguir, puidemos experimentar de primeira man os efectos de vivir sobre un volcán activo no parque das fumarolas, onde aproveitando esta fonte de calor, cociñaron o cocido que degustamos no xantar. Cando parecía que o día non podía depararnos máis sorpresas, adentrámonos no xardín botánico Terra Nostra. Este parque romántico incorpora unha secuencia de espazos ideados para non deixar ninguén indiferente: o paseo de gingkos bilobas, as coleccións de bromelias e camelias, a sucesión de lagos e lagoas e, especialmente, o estanque de augas ferruxinosas onde puidemos tomar un último baño termal rodeados de maxestosas Araucarias, especie sempre presente nas fincas señorais dos Açores. Chegou a noite e quixemos despedir esta mobilidade cun grupo de alumnos de FP dual nos Açores, cunha cea nunha tasca típica no centro da cidade de Ponta Delgada.

Azores crónica final

Erasmus 24 (4)

No cuarto día da Nosa mobilidade Erasmus+, o alumnado da delegación de Taranto asistiu á clase de economía mentres que os de Opava estiveron...