luns, 10 de xullo de 2023

Venres foi o noso último dia de curso de italiano. Na última clase déronnos a certificación co nivel do aprendido estes días e tivemos unha última clase práctica no mercado central de Florencia onde por grupos fomos identificando o nome dos alimentos de uso frecuente. Tamén coñecimos algúns dos pratos típicos desta zona como o lampredotto (bocadillo de tripas/estómago de vaca e salsa) . Pola tarde tivemos umha visita guiada a Santa Croce onde están as tumbas de famosos florentinos ( Dante, Galileo, Michelangelo, Marconi...) Despois fomos a galería Bargello, que alberga obras escultóricas, como o coñecido David de Donatello o ou outras obras de Verrocchio, Michelangelo ou Giambologna... Tras uns últimos paseos pola cidade puidemos ver que ademáis de turística é unha cidade viva que acolle reivindicacións sociais como unha numerosa manifestación polo día do orgullo LGTBIQ que recupera símbolos artísticos para repensalos e repensarnos desde o presente. Despedimos Italia coa sensación de ter aproveitado o tempo ao máximo (de feito xa nos atrevemos con librerías e bibliotecas e obras en italiano!)

Florencia

venres, 7 de xullo de 2023

Seguimos aprendendo italiano nas clases da maña con Maurizio, o noso profesor, e coas seis compañeiras de Hungria, Norteamérica e Murcia. Nelas combinamos o coñecimento lingüístico (no que como vedes na foto Xián destaca :) co cultural. Polas tardes temos diferentes visitas guiadas coa nosa guia, Antonella ou por libre nas que descubrimos a cidade de Florencia e lugares emblemáticos da historia da arte como a igrexa de santa Maria de Fiori, a Santa Croce, a basílica de San Lorenzo ou a capela dos Médici... Lugares onde puidemos ver ao vivo as obras de Masaccio Michelangelo, Donatello ou Brunelleschi.... Achegarnos a historia da cidade é coñecer tamén a vida de persoas ligadas a Florencia como os Médicis, Galileo ou Dante Alighieri ... E curiosidades como a existencia dunha antiga unidade de medida 'brazo florentino' ou as pequenas portiñas do tamaño dunha botella que hai nalgunhas casas por onde vendian viño.

Erasmus + Florencia

mércores, 5 de xullo de 2023

Xián, Maca, e Chus siamo arrivati in italia e abbiamo iniziato il nostro corso di italiano! Aproveitando os contactos feitos este curso con institutos italianos para futuras mobilidades co alumnado, a última viaxe Erasmus deste curso é unha formación lingüística de italiano para profesorado en Florencia. O noso avión chegou a Bologna o sábado e puidemos visitar esta cidade, apodada 'La dotta, la rossa, la grassa' A sua universidade é das primeiras do mundo (S.XI) e a antiga sede da mesma é hoxe a impresionante Biblioteca communale. O domingo deunos tempo para visitar Pisa e logo chegamos a Florencia para descansar antes do curso de italiano que comezou este luns 3. Despois de duas mañas de clase xa temos nocións de pronunciación e de gramática elemental e algo de léxico de uso frecuente. Seguimos aprendendo... Lavoro in corso

Erasmus + Florencia

martes, 4 de xullo de 2023

No claustro de finais de curso, as profesoras e profesores da equipa Erasmus+ expuxeron as sinerxias aprendidas durante as súas mobilidades en países europeos, no marco do proxecto KA121 ‘Camiños de Europa’, nomeadamente en Atenas (Grecia), Táranto, Sicilia e Posta Fibreno (Italia), Reading (Reino Unido), Opava (República Checa) e Núremberg (Alemaña). Alén diso, estes días tamén confirmaron desde a Comisión Europea que nos concederon a Carta ECHE (Erasmus Charter for Higher Education) e isto é unha excelente noticia para o centro porque significa que a partir de agora os ciclos superiores de FP xa entran a formar parte do noso Plan Erasmus!

Erasmus +

martes, 27 de xuño de 2023

Erasmus+

Estes días de finais de xuño están a ser un fervedoiro de noticias e información para o noso proxecto Erasmus+ e o Plan de Internacionalización do noso centro. 🔥😊Por unha banda, recibimos con agrado por parte da Unión Europea o orzamento de 30.894 euros que nos permitirán desenvolver as mobilidades e actividades do noso proxecto Erasmus+ ‘Camiños de Europa’ no próximo curso 2023-24. Alén diso, o IES de Arzúa estivo ben representado os días 26 e 27 de xuño nas Xornadas Iniciais de proxectos de mobilidade Erasmus+ KA121 en educación escolar, organizadas polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) e onde os nosos coordinadores tiveron a oportunidade de afondar nos elementos clave dos proxectos europeos de educación escolar e de ampliar a rede de contactos e difundir o noso centro no ámbito de Erasmus+ a nivel estatal.
Erasmus+ de Patricia

mércores, 21 de xuño de 2023

Daniel, o noso alumno de FP básica de Servizos Administrativos acaba de regresar de Reading. Gracias ao programa Erasmus + estivo case tres meses realizando a FCT no Reino Unido e neste período puido mellorar o idioma, coñecer como se traballa nunha empresa inglesa e integrarse na cultura doutro país. A súa experiencia en Aces Organisation foi moi gratificante, os primeiros días tivo unha gran acollida e ao longo das semanas puxo en práctica os coñecementos adquiridos no ciclo e puido desenvolver todas as tarefas que lle solicitaron de maneira áxil e eficiente.

Erasmus +

mércores, 14 de xuño de 2023

Visita de Pedro Morais

Nestes últimos días de maio desenvolvemos unha nova actividade formativa do noso proxecto Erasmus+ 'Camiños de Europa’. Tratábase dunha mobilidade individual onde contamos co experto convidado Pedro Morais, profesor da Universidade de Coimbra e director da Associação Portuguesa de Ecoturismo. A formación estaba destinada a alumnado de diferentes niveis educativos e tiña diferentes liñas temáticas, todas relacionadas coa ecoloxía e o patrimonio natural. No marco dos obxectivos Erasmus de melloría lingüística, cultural e medioambiental, a formación foi realizada en lingua portuguesa. Constatamos que o alumnado non só comprendía, senón que en xeral participaba activamente. Polas tardes, várias persoas do noso equipo Erasmus convidaron o noso experto a varias saídas polos arredores de Arzúa onde tivemos a ocasión de coñecelo en profundidade e de mostrarlle espazos emblemáticos do noso concello, como Ribadiso, Boente, o Enredo do Abelleiro e a fervenza das Hortas. Foi unha experiencia moi enriquecedora tanto para alumnado como profesorado e esperamos poder seguir ofrecendo actividades semellantes no futuro.

Visita de Pedro Morais

Erasmus days