mércores, 31 de xullo de 2024

Formación en Azores

CURSO DE FORMACIÓN EN AZORES: “Outdoor Education - Sustainable education activities for health and environmental awareness” Finaliza o programa Erasmus no noso centro no curso 2023-2024 cunha mobilidade na modalidade de formación do profesorado. Un profesor e unha profesora do IES de Arzúa, Xián Liñares García, do departamento de Xeografía e Historia e Chus Gómez Suárez, do departamento de Tecnoloxía, realizaron no mes de xullo o curso de formación “Outdoor Education - Sustainable education activities for health and environmental awareness” (Educación ao ar libre: actividades educativas sostibles para a saúde e o coidado do medio ambiente) organizado por New Teaching Resources (NTR) en Ponta Delgada, na Illa de San Miguel no arquipélago dos Azores. O curso desenvolveuse en inglés e contou coa participación de profesorado procedente de once países europeos. Nel traballáronse contidos relativos á concienciación sobre o medio ambiente e loita contra o cambio climático e á realización de actividades educativas ao ar libre para a mellora da saúde e o coidado do medio ambiente. Ademais, realizouse unha análise do sistema educativo portugués e reflexionouse sobre os sistemas educativos doutros países europeos. O curso ademais, contribuíu á mellora da competencia lingüística en inglés do profesorado participante. Durante a celebración do curso, as persoas participantes tivemos a oportunidade de coñecer en profundidade varios espazos naturais de especial interese medioambiental da illa de San Miguel da man de guías especializados, a xeografía e as formacións xeolóxicas e volcánicas da illa, a gruta do Carvão, o observatorio astronómico de Santa Ana, de analizar e visitar diferentes plantacións de cultivos como os de piña e té. Por último, a illa de San Miguel é un dos mellores lugares do mundo para o avistamento de cetáceos e diversas organizacións da illa traballan en profundidade en distintos programas para a súa conservación. Así que decidimos embarcarnos nun barco especializado e tivemos a oportunidade de avistar diferentes especies de golfiños e baleas.

Diseño

luns, 13 de maio de 2024

Erasmus en Opava

Sábado 4 de maio: Para comezar a nosa viaxe saímos do aeroporto de Alvedro da Coruña ás 13:45 cara a Madrid. Logo de comer atropeladamente un "bocata", collemos o seguinte avión na T4 do Adolfo Suárez rumbo a Praga. As vistas dende o avión eran espectaculares e tivemos a sorte de que nos tocou a tod@s xuntos. Despois de 3 horas chegamos ao aeroporto de Praga. Deixamos as maletas no hotel e preparámonos para saír. Ceamos hamburguesas nun restaurante pero a carne non era comparable coa de Galicia. Finalmente, demos un rápido "tour" nocturno e logo fomos durmir coa ilusión de estar xuntos e de descubrir,ao día seguinte, a beleza de Praga.

Domingo, 5 maio: O día comezou ás 6:00 cando Hugo Orois nos despertou e Nerea se enfadou por quitarlle as sabas para que levantara. Almorzamos nun Starbucks e logo fomos ás carreiras ao encontro do "free tour" no barrio de Mala Strana. O guía, Eliot, era magnífico coas explicacións, pero, eran moitos datos e pronto desconectamos. Ensinounos lugares tan emblemáticos como o museo de Kafka, o autor da Metamorfose; o muro de John Lennon; a Ponte de Carlos IV ou o reloxo astronómico. Posteriormente, xantamos nunha praza moi concorrida e animada para, seguidamente, dirixirnos á estación de tren rumbo a Opava xunto ás nosas correspondentes.

Luns, 6 de maio, seguimos coa nosa aventura. Achegámonos ata o instituto para coñecer o centro e o seu alumnado. As cosas correspondientes ofrecéronnos uns agasallos e logo mostráronnos unhas presentacións sobre os proxectos deselvolvidos no Instituto de Opava, sobre as personalidades inseridos nos billetes checos (coronas checas) e sobre a cidade de Opava. Por medio dunha "xincana" ensináronnos os diferentes departamentos e aulas do centro: o laboratorio de bioloxía, a clase de música, a de español e a de arte, entre outras. Ademais vimos o seu ximnasio ( 2 salas de musculación no instituto) á parte do pavillón. Os seus deportes máis característicos son o xóquei sobre xeo e o tenis. Posteriormente, fixéronnos un tour pola cidade de Opava vendo sitios como o Concello, no que tivemos a sorte de subir ó alto da torre para ter vistas panorámicas de Opava. Tamén vimos a praza principal da vila. Ás 11:45 fomos comer na cantina do centro para recargar enerxías e dirixirnos ao noso novo destino: o xardín botánico, un dos máis antigos de toda Chequia. Alí puidemos gozar da natureza, coñecer novas plantas. Nesta visita invitáronnos a uns picnics caseiros e para rematar con este día tan cheo de emocións puidemos desfrutar de tempo libre.

Opava

xoves, 18 de abril de 2024

Erasmus 24 (4)

No cuarto día da Nosa mobilidade Erasmus+, o alumnado da delegación de Taranto asistiu á clase de economía mentres que os de Opava estiveron na aula de Polos Creativos. Despois, subiron ao bus o alumnado de 4°ESO, 1° Bacharelato e Ciclo Superior para ir a Boente, onde comezamos a camiñata do Camiño de Santiago cara a Ribadiso. Durante o camiño, o alumnado de Ciclo Superior explicou os trazos naturais da zona, e aprendemos sobre as árbores do percorrido e a historia local. A seguir da camiñata tivemos o evento de despedida da delegación de Opava pois marchaban xa ao día seguinte. Foi un momento moi emotivo en que vimos un fermoso vídeo elaborado por Nerea de 4ESO onde se mostraron os mellores momentos destes últimos días. Houbo tamén momento para a entrega de diplomas, agasallos e intercambio de palabras de agradecemento e despedida por parte da nosa directora, Araceli Carballeira, a equipa Erasmus e Kamil Praček, profesor acompañante de Opava, entre outros. Pola tarde, o alumnado da delegación de Taranto, coa orientación excelente de Hugo Mera, alumno de 2° Bacharelato, probou os lentes de VR e avistou os distintos sitios e monumentos de Galiza na aplicación Galiverso e programou con Mblock os Mbot Rangers. Foi un día cansativo mais moi produtivo para o proxecto e para o centro!

Erasmua 24 (4)

Erasmus 24 (3)

O mércores 10 comezou ben cedo. Ás 7.30 collemos un bus rumbo a Portonovo. Logo de almorzar no porto collemos un barco cara a nosa primeira visita: a illa de Sálvora. Nesta marabilla natural pertencente ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, faláronnos da fauna, da flora e da historia específica deste espazo protexido. Un exemplo da súa intrahistoria é o naufraxio do Santa Isabel (tamén denominado “Titanic galego”) e como as mulleres da antiga aldea da illa axudaron a salvar máis de 50 pasaxeiros dos 250. Unha vez rematada a visita a Sálvora dirixímonos á illa de Ons.Aquí degustamos un xantar tipicamente galego en Casa Acuña. As guías contáronnos que esta era a única illa das tres que está habitada. Tamén nos falaron das dificultades de moitos rapaces para estudar xa que tiñan que ir a Ribeira á escola. Ao volver co barco a Portonovo os estudantes do IES e os seus correspondentes de Taranto e Opava tiveron tempo libre para percorrer a vila mariñeira. Foi unha intensa e interesante xornada ao aire libre e en contacto coa natueza galega!!

Erasmus 24-3

Erasmus 24 (2)

No seu segundo día da nosa mobilidade de acollida Erasmus+, o alumnado de Chequia e Italia comezou o día asistindo ás clases das materias de lingua inglesa, matemáticas, debuxo técnico e economía. Despois do recreo, reunímonos para encamiñarnos ata a finca Voz Natura (@voznatura ), do IES de Arzúa (situada en O Viso), onde puidemos experimentar o proceso de plantación de árbores e entre todas e todos plantamos un pequeno bosque Erasmus integrado só por especies autóctonas. Grazas ás explicacións do profesorado de agraria, Teresa, Julia e Alfonso, aprendemos a importancia de preservar o bosque autóctono para protexer o noso patrimonio natural e fomentar a biodiversidade e a defensa natural contra o lume e as especies invasoras. Logo dunha pausa para comer e descansar, collemos un bus cara a Compostela, onde asistimos a unha visita guiada polos tellados da catedral e visitamos o Pórtico da Gloria e o interior do templo onde algún alumno de 4º ESO e o profesor de historia, Afonso Pena, nos deron unha pequena explicación sobre a importancia do lugar. Tivemos tempo libre para poder ver a zona vella antes de voltar en bus para Arzúa. Segundo día completado! Mañá espéranos un día igualmente intenso!

Copia de Erasmus 24-2

Erasmus 24 (1)

O luns 8 botou a andar oficialmente o programa de acollida de alumnado de dúas escolas, unha do Liceo Galileo Ferraris de Taranto (Italia) e a outra do Slezské Gymnázium de Opava (Chequia), no marco do noso proxecto Erasmus+ ‘Camiños de Europa’. A experiencia comezou xa en días previos, concretamente o sábado 6, cando o noso alumnado de 4ESO e 1BAC e as súas familias recibiron no aeroporto as súas respectivas delegacións. Nas primeiras horas do luns 9, démoslles a benvida cunha gran sorpresa con música tradicional de Galiza. Despois fixemos un tour polo noso instituto e fixemos dinámicas de presentación nalgunhas clases. A continuación, o alumnado estranxeiro aprendeu algún dato de interese sobre Galiza e España a través dun Kahoot, e posteriormente desfrutamos dun almorzo de benvida, onde as familias achegaron deliciosos doces caseiros para degustación de todos e todas. Posteriormente, fomos recibidos no Concello polo alcalde e finalmente paseamos pola feira de Arzúa onde puidemos ver produtos típicos como o queixo, o polbo ou os churros. Pola tarde, visitamos a cidade da Coruña onde accedimos á Torre de Hércules e demos un paseo polo centro. Como vedes, un comezo intenso para unha semana chea de actividades Erasmus!

Erasmus 24-1

mércores, 20 de decembro de 2023

Job Shadowing en Azores

O segundo e último día do seu job shadowing, o profesor Xurxo Feijoo tivo a ocasión de visitar unha mostra sobre o 50 aniversario do 25 de abril no vestíbulo da ES Jerónimo Emiliano de Andrade. O obxectivo da exposición é concienciar a rapazada sobre as importantes mudanzas que trouxo a instauración da democracia para a República portuguesa. A mediodía, Xurxo Feijoo puido visitar brevemente a escola secundaria Vitorino Nemésio e conversar coa súa vicedirectora acerca de posibilidades de colaboración futuras. Esperamos poder voltar de novo con mobilidades á illa Terceira para seguir incidindo na mellora cultural, ambiental e lingüística do noso alumnado.

Job shadowing Xurxo azores

Mobilidade de FP Duale en Azores

Vendo que chega o final da nosa estadía na Illa, decidimos aproveitar este último día con intensidade. Comezamos a mañá coa visita á Reserva Florestal de Recreio das Furnas. Quedamos marabillados coa soltura dos alumnos do IES de Arzúa, Antón e Laura, guiándonos polo viveiro de produción de planta endémica e de madeira, así como polo posto acuícola de cría de troita arcoiris. Tamén nos acompañaron os responsables da súa formación durante a FCT na Illa de São Miguel, Carina Nobrega, Lourdes Peñil, Adriano Pizarro e outros traballadores do servizo florestal, que recalcaron a calidade técnica destes alumnos e manifestaron o seu interese en continuar colaborando coa nosa escola. A continuación, no Centro de Monitorização e Investigação das Furnas, coñecemos a orixe volcánica dos Açores. A seguir, puidemos experimentar de primeira man os efectos de vivir sobre un volcán activo no parque das fumarolas, onde aproveitando esta fonte de calor, cociñaron o cocido que degustamos no xantar. Cando parecía que o día non podía depararnos máis sorpresas, adentrámonos no xardín botánico Terra Nostra. Este parque romántico incorpora unha secuencia de espazos ideados para non deixar ninguén indiferente: o paseo de gingkos bilobas, as coleccións de bromelias e camelias, a sucesión de lagos e lagoas e, especialmente, o estanque de augas ferruxinosas onde puidemos tomar un último baño termal rodeados de maxestosas Araucarias, especie sempre presente nas fincas señorais dos Açores. Chegou a noite e quixemos despedir esta mobilidade cun grupo de alumnos de FP dual nos Açores, cunha cea nunha tasca típica no centro da cidade de Ponta Delgada.

Azores crónica final

Mobilidade de FP Dual en Azores

Despois dun voo interno con bastante atraso para a illa de San Miguel, o día 7, partimos a primeira hora con destino ao nordeste da illa. Preto da vila de Achada, visitamos viveiros da altitude de 𝘊𝘳𝘺𝘱𝘵𝘰𝘮𝘦𝘳𝘪𝘢 𝘫𝘢𝘱𝘰𝘯𝘪𝘤𝘢 e de flora endémica, onde Lourdes Penil, técnica do servizo rexional de Floresta, nos explicou en detalle as diferentes actividades de produción de planta. A mediodía visitamos o Servizo Florestal de Recreio do Viveiro de Nordeste, onde a xefa desta unidade nos ilustrou sobre a historia dos servizos forestais da illa. Aprendemos, entre outras cousas, as razóns do uso de Cryptomeria e a loita que os azorianos teñen para combater as especies invasoras e a recuperación da flora endémica. Seguidamente visitamos o aserradoiro Mbrum Gouveia, en Ribeira Grande, onde nos explicaron as liñas de produción de madeira, especialmente as de Cryptomeria. Por último, rematamos esta intensa xornada cun baño nas termas das Caldeiras, preto de Ribeira Grande.

Azores venres

Mobilidade de FP Dual en Azores

Hoxe arrincaron dúas experiencias paralelas que responden ao noso proxecto de internacionalización: a mobilidade de FP Dual e a experiencia de observación Erasmus+ KA121, ambas na illa Terceira dos Azores. Ao chegar ao aeroporto de Lajes, fomos calorosamente recibidos por Nuno Azevedo, coordinador Erasmus+ da Escola Secundaria Jerónimo Emiliano de Andrade. Fíxonos un percurso por Angra do Heroísmo, cidade patrimonio da humanidade e de gran importancia xeoestratéxica ao longo da historia.

Azores

Erasmus en Opava

Opava 1° Bach

Tarento

Comezamos facendo unha foto de grupo na entrada do instituto, asistimos á nosa primeira clase de chinés na que nos ensinaron palabras básicas. Na seguinte hora tivemos unha clase de varios deportes na que poidemos escoller cal xogar (fútbol, voleibol, ping pong...) Ao rematar a clase fomos á aula para reunirnos e escoller un logo representativo do noso Etwinning SWAT, ademais de continuar co noso proxecto. Despois volvemos ao ximnasio para practicar e aprender diferentes bailes e coreografías. Cando rematamos fomos ao laboratorio a comer algo previamente preparado na casa e ver un vídeo de despedida elaborado polos nosos compañeiros italianos con fotos de recordos.

Taranto viernes

Tarento

Fomos á Masseria del Duca, onde nos contaron a tráxica historia de Ciro Annicchiaric (Papa Ciro). Tamén na Masseria nos deron unha degustación de distintos queixos e ensináronnos a facer "giuncata", un tipo de queixo, logo vimos a súa produción de aceite de oliva e ovos. Pola tarde visitamos Grottaglie, onde tivemos a honra de que Simone Mirto, arqueólogo e coñecedor do significado do "pumo", fose o noso guía. Nesta vila fomos a un obradoiro de cerámica onde fixemos unhas cuncas e Simone nos ensinou unha parte da localidade.

Tarento xoves

Tarento

O modo alumnado de Tarento tivo unha clase de inglés no instituto central con alumnos de súa idade. Mais tarde estiveron traballando no proyecto etwinning e preparamos pasta italiana chamada "orechiette". E pola tarde visitaron o castello aragonese.

Tarento mercores

Tarento

O último día os nosos estudantes levantáronse cedo para ir ao aeroporto de Bari, onde se despediron dos seus correspondentes e as súas familias. Tomaron tamén varias fotos grupais de despedida. Despois de facer unha escala en Madrid, os estudantes estiveron dando un paseo polo centro e comeron o típico bocadillo de calamares. Finalmente regresaron ao aeroporto de Madrid e volta a Santiago.

Taranto sábado

Tarento

O luns comezou cunha presentación dos centros e do respectivo alumnado. Despois dun marabilloso concerto e un almorzo de doces caseiros, fixemos un percorrido polo Liceo. Remataron a mañá traballando no proxecto Erasmus. Pola tarde visitaron o MarTa museo, parte do patrimonio material de Taranto.

Tarento luns

Erasmus en Tarento

Unha expedición formada por 6 alumnos/as acompañados por dúas profesoras do IES de Arzúa saíu para Taranto ( Italia) o domingo 26 de novembro. É unha mobilidade grupal dunha semana na que traballarán no proxecto Etwinning SWAT " Sustainable way Arzúa -Taranto). Aquí tedes unhas fotos do día de saída de Li, Sabela, Raúl, Emy, Marcos e Breixo. Santiago-Milán-Brindisi-Taranto. Time to travel and learn. 🐎Montamos en cabalo nas instalacions de Lido Azzurro, despois fumos comer e por último estivemos facendo un xogo na cidade antiga. Toda unha experiencia!!

Tarento 1

mércores, 29 de novembro de 2023

Picasso Mob - Erasmus+

O luns 20 de novembro tivo lugar a despedida de Émilie, estudante francesa procedente do instituto “Lycée Carnot” ubicado en Dijon na rexión de Borgoña, en Francia. Émilie acompañounos durante catro semana dende o pasado xoves 26 de outubro ata o martes 21 de novembro, día no que viaxou ao seu centro de orixe. Estivo facendo unha mobilidade con réxime de reciprocidade con Ema Tarnovietchi, alumna de 1º Bac A, no marco do programa Picasso Mob que forma parte do proxecto Erasmus  KA-121-SCH.
Durante o recreo fíxoselle entrega do Certificado de participación polo seu paso no Ies de Arzúa.  O  luns pola tarde, puido acercarse xunto cos seus compañeiros de clase a Radio Arzúa para contar a súa experiencia e dar a coñecer o seu lugar de procedencia.
Dámoslle as grazas pola súa participación activa no centro, tamén esperamos que mellorara a súa competencia lingüística en español así como as habilidades comunicativas e sociais durante a súa estadía en Arzúa. Estamos seguros de que adquiriu  numerosos coñecementos sobre a cultura galega e o sistema educativo vivindo en primeira persoa o día a día dunha estudante de primeiro de bacharelato do mesmo xeito que calquera compañeira arzuá.
Esta experiencia foi moi enriquecedora para toda a comunidade educativa por todas as vivencias compartidas. Desexámoslle moita sorte no ámbito académico, persoal e esperamos que poida conseguir todos os seus obxectivos propostos!

Picasso Mob

Erasmus days